Friday 03 de May de 2024

O Concello de Lousame convoca a segunda carreira popular “Pilar Barreiro Senra”, que terá lugar o domingo 17 de abril


O prazo de inscrición estará aberto ata o martes 12 de abril a través da web www.emesports.es

O Concello de Lousame convoca a segunda carreira popular “Pilar Barreiro Senra”, que terá lugar o domingo 17 de abril. Unha proba de 10 quilómetros na súa categoría absoluta, puntuable para o circuíto Correr en Galicia, e con saída e meta na cuxo prazo de inscrición estará aberto ata o martes 12 de abril a través da páxina web www.emesports.es.

As anotacións nas probas escolares, é dicir, rapaces e rapazas menores de 11 anos son totalmente gratuítas (pitufos, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes). Os demais atletas (xuvenís, júniors, promesas, sénior e veteranos) terán que aboar unha cota de inscrición que variará segundo a data na que se inscriban. Así, os que se anoten antes do 1 de abril aboarán o mesmo prezo co ano pasado: 6 euros. Aquelas inscricións que se fagan entre o 1 de abril e o 8 de abril custarán 8 euros e as que se realicen do 8 de abril ata o 12 de abril serán de 10 euros.

Dende a organización da proba aconsellan aproveitar ben o primeiro ou ben o segundo prazo xa que, ademais de ser máis económico para o corredor, tamén facilitan enormemente a loxística da proba. En todos os casos, tanto nas probas gratuitas coma na carreira absoluta, a inscrición dá dereito a seguro de responsabilidade civil, seguro de accidentes, avituallamentos e outros servizos como vestiarios, duchas e agasallos conmemorativos.

Premios

O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes das categorías pitufo, prebenxamín, benxamín e alevín, é dicir, rapaces e rapazas menores de 11 anos. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres da carreira absoluta, outros tres trofeos para os gañadores de cada unha das nove categorías restantes (tanto para homes como para mulleres) e trofeos especiais aos participantes máis veteranos (tanto home como muller) e aos tres mellores atletas de Lousame na categoría absoluta. Os premios non serán acumulativos. Ademais, todos os participantes serán agasallados cunha camiseta técnica conmemorativa da proba.

A recollida de dorsais da I Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra” terá lugar a partir das 9:00 horas do domingo 17 de abril na praza Teodomiro Hidalgo. Ademais de polo dorsal, todos os participantes, dende a categoría infantil en adiante, estarán identificados por un chip que deberán colocar nas zapatillas antes da saída. O feito de non levalos dará lugar á descalificación do corredor.

Os horarios cambiarán con respecto ao ano anterior. Así, as probas escolares darán comezo ás 10:30 horas coa categoría Benxamín/Alevín, que percorrerán unha distancia de 1.000 metros. Ás 10:45 horas, será a queda dos Infantís/Cadetes, cunha distancia de tres quilómetros. A proba xeral sairá ás 11:30 horas, deixando tempo para celebrar as probas dos pitufos (75 metros ás 11:40 horas) e prebenxamíns (150 metros ás 11:45 horas). Os premios serán entregados ás 13:30 horas na praza Teodomiro Hidalgo.

A II Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra” está organizada polo Concello de Lousame e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.